PARA EL DIARIO NOS, REALIZADA POR EL PERIODISTA Y ABOGADO XOSE HERMIDA
A maioría dos autores refírense a Victor García como “ O Brasileño”, outros denomínano “ O Brasileiro” pero con que nome coñecían a seu pai no círculo familiar?.
Meu pai era coñecido como “O Brasileiro” na miña casa. Desa maneira se referiu sempre a el miña nai, ese ca era o nome que lle daba xa cando se casaron en 1937. Toda a familia de miña nai, meu avó miña tía e meu tío tamén lle chamaban a meu pai “O Brasileiro” e eu no círculo familiar non escoitei máis nome para meu pai que o de “Brasileiro”.
Que lembranzas garda vostede de seu pai e dos anos que pasaron xuntos en Vigo?
Eu cheguei a Vigo con miña nai en 1946. Con anterioridade vivíamos no Campurru, un lugar da parroquia de Lada, no concello de Sama de Langreo, onde residía meu avó materno. Botei en Vigo dous anos, de catro a seis anos, residindo nunha casiña moi modesta no barrio do Calvario. Á vivenda accedíase pola finca dunha casa señorial e despois pasábase por unha sorte de bosque e nunha casa separada da finca por unha sebe vivíamos nós.
Eu por detrás da sebe vía a un neno que vivía nesa casa grande, era fillo dun médico e tiña para xogar un coche. Pasei moitas horas só naquela casa porque miña nai ía traballar a casa dun médico pola mañá e eu quedaba na vivenda xogando e facendo as tarefas escolares que me encargaba miña nai. Por razóns de seguridade tíñame prohibido falar con outros nenos e por iso fíxome moita compañía un porco espín que me agasallou meu pai e que estivo comigo até cun día fuxiu.
Meu pai viña algún día á semana pola casa e sempre o lembro moi elegante. Cun sombreiro, unha gabardina e unha bolsa de viaxe, de feito el facíase pasar por viaxante e tíñanme obrigado dicir se alguén me preguntaba por el que se dedicaba a esa profesión. Tamén me dixeron que se alguén me preguntaba polo seu nome ou polo de miña dixera sempre que eran pai ou nai.
Meu pai ensinounos a falar galego a min e á miña nai para pasar desapercibidos e aprendemos galego. El quería que fora un bo comunista e ensinábame a Internacional e canción dos Pioneiros e despois cando volvía a outra semana tomábame a lección para ver os meus avances.
Teño moi presentes aquel tempo que meu pai pasaba con nos. Botaba todo o tempo escribindo a maquina e sempre esta con el Teófilo, un camarada do partido que sempre foi moi amábel comigo.
Falábanos agora de Teófilo Fernández, o comunista de Barbadas que acompañou ao seu pai na dirección comunista e que tamén rematou executado polos seus camaradas, a que compañeiros de militancia do seu pai recorda?
Sen dúbida algunha a persoa da que máis me lembro é de Teófilo Na época que o coñecín era o colaborador mais directo de meu pai nos asuntos do partido e o seu home de confianza en quen depositara a seguridade da súa vida. Comigo era moi cariñoso. Xogabamos, contábame contos infantís da narrativa galega e se o meu pai rifaba con dozura por non ser aplicado na resolución dos deberes impostos ou na aprendizaxe da Internacional acudía na miña axuda buscando unha desculpa para a miña preguiza.
Sempre que chegaba á nosa casa traíame lambetadas, libros de debuxos e unha vez un cofre para que gardase nel todo o bo que fixese ao longo da miña vida. Nunca o enchín excepto de moedas que me regalaba polo meu bo comportamento.
Cando se marchaba, sempre me preguntaba: “Tuin”, esa era o nome con que me coñecía meus pais “se vén a Garda Civil a esta casa, que farás?” e eu respondíalle escondereime detrás das árbores e pam… pam… disparareilles para escorrentarlles. Entón, acariñábame a cabeza e dicíame “ben polo meu camarada valente”. E véndoos partir, botábame a chorar até que a miña nai me viña consolar.
Pasados uns días, escoitaba un asubío especial que partía do bosque e saía correndo da casa para abrazarme con alegría ao meu pai e ao meu único amigo ao que nunca borrei da miña memoria, Teófilo.
Lémbrome tamén de Henriqueta Otero, eu chamáballe “María Dolores” ese era o nome coa que a coñecían na clandestinidade. Pola tarde miña nai metía no tranvía e baixaba a Vigo con ela a vender xabón. Nun parque atopámonos con “María Dolores” me agasallaba con lambetadas e libros, porque daquela xa sabía ler e escribir.
A figura do “Brasileiro” non é completa sen o labor da súa nai María de los Angeles “Gelines” Fernández, que nos pode dicir dela?
Miña nai era un comunista, fora miliciana, sanitaria durante toda a guerra desempeñando o seu labor nos Hospitais de Sangue, alí coñeceu a meu e casou con el antes da caída da fronte norte. A súa vida está recollido nun dos relatos do libro de Montse Fajardo Un cesto de mazás e foi unha vida de loita, de sufrimento e de sacrificio para sacarme adiante, facendo de min un home de proveito, traballador e bo tal como lle pedira meu pai antes de que o mataran.
Ela e a súa familia, todos comunistas, foron duramente represaliados tras a caída da fronte norte. Os falanxistas e os lexionarios acudían a súa casa do Campurru para propinarlles malleiras constantes a ela, ao meu avó, a tía Ascensión e a tío Alfredo. Levábanos a prados próximos á vivenda para finxir paseos e preguntarlles onde se escondía o Brasileiro mentres os golpeaban.
A miña nai rapáronlle o pelo ao cero e así obrigárona a limpar as rúas de Sama de Langreo, co pelo cortado ao cero e un letreiro en cartón colgado ás costas co escrito “por comunista”. Aínda así, nas circunstancias máis duras non renunciou as súas ideas e lémbrome as noites que pasaba con ela escoitando en voz baixa A Pirenaica, Radio Moscova ou Radio Tirana.
Pasou moita fame e moitos sufrimentos, até o punto que o cura do Campurru, Don Román”, que diante das malleiras que recibía dos falanxistas e dos lexionarios lles pediu a estes que deixaran de facer sufrir tanto a esa familia.
Na biografía do seu pai que pública maña en Nós Diario recolle parte da traxectoria vital deste, fundamentalmente a súa etapa como guerrilleiro, como máximo dirixente do PC na Galiza e tamén das circunstancias da súa morte, por iso eu queríalle preguntar que significou para vostede coñecer as causas do seu asasinato e que os autores do mesmo foras os seus propios camaradas?
Un día, xa morta miña nai, decidinme a buscar a outra raíz que mantiña erguido a árbore da miña vida, inxectándome ideoloxía, fortaleza e espírito de traballo. Só sabía que segundo nos contaron en 1948 fora asasinado en Lalín e sempre a familia creu que ocorrera como consecuencia dun enfrontamento cos represores franquistas.
Cando souben que fora asasinado polo Partido Comunista, o partido polo que tanto loitara o meu pai, con cuxa ideoloxía me aleitaron e polo que estiven detido pola policía de Franco por escribir proclamas antifascistas na Facultade de Medicina foi monstruoso e o meu mundo derrubouse.
A raíz diso diríxenlle cartas ao daquela presidente do PC Felipe Alcaraz e aos seus secretarios xerais Francisco Frutos e José Luis Centella solicitándolle que recoñeceran co asasinato do “Brasileiro” fora un error para que os netos souberan que fora un comunista leal.
A día de hoxe, despois de moitos anos, non recibín resposta de ningún delas nin a dirección do partido se puxo en contacto comigo para darme explicación algunha. Sigo sendo comunista, un leal comunista, educado por meu pai e miña nai como comunista e merécenme moitos respectos a súa militancia pero cando vexo a súa dirección paréceme uns farsantes.